Créditos Quen somos? Contacto
  Como apagar un lume?

Cambios en política
INFERNO NO MONTE PINDO
Zonas de risco
Incendio Carnota, imaxe de Carlos Lago
 
Cronoloxía en imaxes
 
   

 

 

 

 

 

A vida rexorde entre a cinza

Máis de 1.400 hectáreas arderon en Carnota o verán pasado, do total de 3.600 hectáreas de monte público. Un inferno que se reproducía ao longo de toda a xeografía galega. Este concello coruñés arrastra unha triste historia: o lume cébase cos seus montes cada verán mentras o petróleo do Prestige segue presente no fondo do mar e dos corazóns da veciñanza. Galicia posúe o 7 por cento de toda a masa forestal do Estado, pero dende 1995 veu acollendo o máis do 45 por cento dos incendios, segundo os datos do Comité de Defensa do Monte Galego.

Se o inxenioso fidalgo Don Quixote se achegase a Carnota, quedaría impresionado polos enormes xigantes que coroan o monte Pindo. Sancho, pola súa parte, vería gran cantidade de aeroxeradores eólicos que coroan o que antigamente fora o olimpo celta. Pero ámbolos dous comprobarían que o Pindo está pelado, que o que antes estaba poboado por eucaliptos e piñeiros principalmente, agora está sementado de rochas escarpadas. Entre o 22 e o 24 de agosto do 2005 no concello carnotano queimáronse arredor de 1.400 hectáreas, entre o monte Pindo, e os lugares de Lira e Lariño. Máis da metade era monte baixo, como toxo, carroucha, carqueixa, piñeiro ou eucalipto.

Galicia arde lentamente
O 2005 foi realmente un dos peores nos últimos anos no que a incendios se refire. Fai anos que o monte galego se vai queimando sen que pareza que nada lle poida pór remedio. "Máis que cíclico é crónico", afirma o concellal de Medio Ambiente
Monte Pindo, seis meses despois/E. Martíns
de Carnota, Xosé Antonio Domínguez. O problema detéctao nas plantacións que se adoitan facer despois dun incendio, que xeralmente son pinos. "O primeiro ano desbrózase, pero o segundo ano empeza a medrar o toxo, e cando leva catro ou cinco anos os toxos son máis grandes que os propios pinos", velaí a masa vexetal precisa para que un incendiario cun pouco de vontade provoque un incendio das dimensións como as que padeceu o monte galego no verán pasado.
Por iso o concello de Carnota optou por outro tipo de plantacións, 3.300 árbores frondosas, coa intención de romper ese círculo vicioso, como castiñeiro, carballo, aciñeira, sobreira, cerdeira, ameneiro, salgueiro e acivro, que foron proporcionadas pola Consellería de Medio Rural.
Na recuperación dos montes carnotanos estánse a investir máis dun millón de euros
Máis dun millón de euros estáse a investir nos montes carnotanos, segundo o alcalde do concello, Xosé Manuel García, froito das axudas percibidas fundamentalmente do Decreto de Guadalajara, xa que esas 1.400 hectáreas estaban inseridas na Rede Natura, así como de Medio Rural.
Pero no monte Pindo concretamente non se fixo ningunha actuación. "É case inaccesible, nin o 1%, e accesible a man hai moi pouca extensión", explica o concellal, "no que é a ladeira sur, que foi a que ardeu, aí é unha pendente de máis de 45 graos, de moitísima pedra, de moi difícil acceso", polo que a reforestación terá que facela o monte só.

Consecuencias para o ecosistema
Nas ladeiras que arderon había unha especie vexetal moi valiosa, o carballo anano, que ardeu na súa totalidade. Sorprendentemente, aos quince días de arder reagromou tamén por completo, cun vigor superior ao do toxo, demostrando a súa resistencia ante o lume. "Cando a herba tiña uns gromos de 10 centímetros, o carballo xa tiña uns 20 ou 25 centímetros de rebrote", afirma Domínguez, "é a demostración de que esta especie actúa como medio de conservación do hábitat no que está, axuda a fixar a terra".
Carballo anano /E. Martíns
O lume que arrasou Carnota non é fácil de esquecer. Ademais das perdas ecolóxicas, preto de 2.000 veciños temeron polas súas casas, mesmo unhas 300 persoas foron evacuadas durante os tres días que durou o incendio. Mentres ardía o monte Pindo, comezaba a arder tamén na parroquia de Lira e, cos medios ao límite da súa capacidade, os propios veciños plantaron cara ao lume.
"Era imposible facerlle fronte", explica Carlos Lago, reporteiro gráfico, mentres lembra a súa experiencia no Pindo. "Escoitei a un capataz falando por radiofrecuencia e dicindo -¡enviádenos axuda por aire por Dios, que isto se nos vai das mans!- Tamén é imposible esquecer os rostros das familias atemorizadas porque vían que o lume estaba a piques de chegar ás súas casas".

As consecuencias para a poboación
Esta comarca vive fundamentalmente de dous tipos de turismo: o vinculado ao mar e as praias e o rural. Neste último, as rutas de sendeirismo polo Pindo eran a oferta estrela e a tempada de verán víuse estragada polo incendio. "Si, rompeu o verán, canceláronse reservas porque co estado no que estaba o monte... incluso se deu o caso dunha muller que estaba embarazada e tivo que marchar porque o cheirume a queimado non lle sentaba ben". Na voz de Manuel Lago, dono da casa rural, apréciase un ton esperanzador: "Agora mesmo xa teño reservas para xullo e agosto".
Os bombeiros urbanos e os propios veciños colaboraron para salvar as súas pertenzas

O concellal de Medio Ambiente asegura que "hai unha especie de mala fada entre os veciños. No 2002 foi o embarranque, o naufraxio do Prestige; despois o incendio no 2005. Estábase temendo que logo desta queima, como viñeran unhas chuvias torrenciais, ía haber inundacións".As capturas de peixe baixaron notablemente dende o Prestige, e co tema dos incendios hai unha actitude fatalista, segundo explica Xosé Antonio Domínguez, "é unha especie de temor a que non hai dous sen tres".
A man do home está detrás de nove de cada dez incendios, non sempre con intención criminal, senón simplemente por descoido ou insensatez. Domínguez non pensa que os intereses urbanísticos ou o negocio da madeira sexan os que provocaron o lume en Carnota, fala máis ben de descoidos. "A xente ten unha práctica moi habitual, que é desbrozar por medio do lume", xa que sae máis barato que ter que contratar a unha empresa para que limpe ese terreo.

As previsións para o verán
O concellal lembra que mentres estaba ardendo había un comentario xeralizado entre os veciños, "o ano que ven tócalle ao resto". Por sorte, esta primavera choveu bastante, polo que hai auga suficiente para que, en caso de incendio, as motobombas se poidan encher. Mais é suficiente que o vento do nordés sople unha ou dúas semanas, para que a humidade que hai no monte despareza favorecendo de novo ó lume.

Entre os desaloxados había 27 turistas dunha casa rural situada na falda da montaña


"Se se produce na zona que quedou sen arder, pode que sexa de dimensións maiores aínda que o do ano pasado", asegura o concellal, xa que é unha zona na que é máis difícil incluso a súa extinción. Por iso en Carnota se está a traballar no desbroce do monte, para que haxa unha ruptura de continuidade e atallando o lume por aí. Tamén se procura reparar as pistas para que poidan circular os medios de extinción.
Mentres a administración se prepara para a nova tempada de lumes, os veciños ollan o monte con escepticismo. Para eles, a vida pode volver a xurdir entre as pedras pero achégase un novo verán e se non é o Pindo, outro lugar sufrirá os lumes.


 
 
Xuño 2006 Equipo de Xornalismo Electrónico da USC